O equipo profesional Xacobeo Galicia probará a dous novos valores do campo amateur galego no terzo final da tempada 2010, acolléndose ás disposicións que establece a normativa da Unión Ciclista Internacional nesta materia. Os ciclistas en cuestión son Pablo Torres (Cambre - A Coruña, 1987) e Aser Estévez (A Guarda - Pontevedra, 1988).
 
Na liña de seguir dando oportunidades aos novos valores da canteira galega, o Xacobeo Galicia convocou aos dous corredores para disputar algunhas probas do calendario profesional a partir do mes de agosto.
 
Para Álvaro Pino, manager - director deportivo do Xacobeo Galicia, son "dous corredores novos que se fixeron acredores a esta oportunidade. Poderían debutar na Volta a Portugal e na Volta a Burgos. Un en cada unha destas probas, pero é algo que aínda temos que ver".
 
"Para nós é unha satisfacción poder brindar unha oportunidade a xente nova e, en particular, a ciclistas galegos, porque esa é unha das razóns de ser deste equipo. Agardamos que poidan aproveitar esta oportunidade que se lles presenta, como no seu día aproveitara Marcos García", engadiu o técnico ponteareán.
 
Pablo Torres Muíño corre na actualidade no equipo amateur Caja Rural, de Navarra. Este ano adxudicouse a Volta a Coruña e unha etapa. No seu palmarés figuran varias vitorias máis e un subcampeonato de España de fondo en categoría junior.
 
Aser Estévez, campión de España de contrarreloxo en 2009, pertence ao C. C. Spol - Caixanova. Este ano reeditou os títulos de campión de Galicia sub 23 tanto en fondo como en contrarreloxo, e impuxérase tamén no Criterium Vigo Atlántico no arranque da tempada ciclista en Galicia.